A sección da CIG de Unísono decidiu entrevistar á compañeira Marga Blasco, traballadora de Bosch, para que nos explicase o funcionamento do Plan de Axuda Alimentaria, estrutura impulsada polos traballadores/as afiliados/as á CIG, alertados/as polos momentos de auténtica emerxencia que pasan algúns compañeiros/as.
Marga Blasco Fernández, coordinadora do grupo de Reparto do Plan de Axuda Alimentaria da CIG, Representante, delegada de prevención e secretaria do Comité de Seguridade e Saude da CIG en Bosch, e tamén membro da executiva Comarcal. Como é posible compaxinar todo ese traballo?
MARGA BLASCO-Trátase dunha cuestión de organización e disciplina. Ademais do que comentades, tenho unha vida persoal e familiar que xa sen saírmos do campo laboral, é complicado de conciliar, canto máis se lle engadimos todas as obrigas ás que me comprometo. Na actualidade a ofensiva é tan grande e ataca a tantos niveis que é necesario combatelos desde todas as frontes. Por iso se crea este Plan de Axuda Alimentaria, por iso loitamos desde a sección da CIG de Bosch polo mantemento do emprego e velamos pola saúde dos companheiros/as, por iso me organizo tamén como muller, para evitar que os recortes do PPSOE sexan os que acaben decidindo sobre o noso corpo. Por iso, en definitiva, non nos chegan as horas do día para atallar todos os ataques que as/os traballadoras/es estamos sufrindo.
A situación de emerxencia agudízase a medida que avanzamos na crise, sen que se albisque solución para as traballadoras/es.
Quizais é o momento de comezar a buscar alternativas. Cóntanos en que consiste, a quen vai dirixido e por que se decide a creación deste Plan?
M.B- Primeiramente cómpre diferenciarmos entre a caridade e a solidariedade. Non damos esmola, se non que estamos intentando crear unha estrutura de solidariedade entre compañeiros/as. As e os beneficiarios son persoas e familias afiliados/as á nosa central sindical, incluso aquelas que cursaron baixa por motivos económicos nun prazo non superior a 9 meses. Son maiormente os/as afiliados/as os/as que colaboramos aportando o noso gran de area en forma de alimento.
Actualmente somos arredor de 35 afiliadas/os á Central Sindical as que conformamos o grupo de voluntarias/os. Organizámonos en 4 grupos de traballo: 1. Apoio e xestión, encarregado de recibir a documentación das persoas que solicitan a axuda e validar a través da documentación solicitada se finalmente serán perceptoras/os de dito Plan; 2. Recollida de Alimentos, destinado a recoller os alimentos que se depositan nas caixas da propia central sindical e de facer o inventario dos mesmos; 3. Loxística, encargado de levar os alimentos recollidos na central sindical ate o lugar de almacenaxe e entrega, sito nas instalacións da FORGA e 4. Entrega de alimentos, encargado de facer os lotes de comida para a súa posterior entrega, que eu mesma realizo.
Entendemos que, a medida que se agudiza a crise, as situacións de pobreza van aumentando e cómpre darlle unha estabilidade a este plan. Como podemos colaborar con el para conseguilo?
M.B- Hai dúas modalidades: mediante aportación de comida (ALIMENTOS NON PERECEDEIROS) ou mediante cota extra. De momento, e agardamos que siga así, todos os martes se recollen alimentos na central sindical (tamén podedes falar cos voso/as delegados/as se queredes colaborar). Non obstante, para quen o prefira, pode autorizar unha cota extra (xeraríanse dúas cotas de 10€: unha en xuño e outra en decembro). Animo a todas as persoas a formar parte deste proxecto: cantos máis entremos na rede, máis poderemos axudarnos entre nós. Se somos capaces de crear estruturas alternativas imos poder resistir e combater esta crise desde outra óptica.
E...que acollida tivo?
M.B- Hai arredor de 30 familias acollidas ó plan, o que supón 60 traballadores/as máis ou menos. Cremos que unha primeira barreira é,
quizais, a vergoña de dar o primeiro paso. Non hai motivos para iso: a vergoña deberían sentila os grandes xestores do capital por xerar estas situacións. Animo a todo aquel/a que estea en situación precaria a que se informe na federación sobre as condicións para poder beneficiarse do Plan. É totalmente anónimo: Só o primeiro equipo de recepción de documentación e eu dispoñemos desa información que tratamos de xeito absolutamente confidencial.
Supoñemos que estamos nunha fase inicial de implantación do Plan. Existe algunha posibilidade de avanzar máis?
M.B- Comezamos as entregas no mes de Novembro e xa levamos 5. A posibilidade de avanzar ou estancarse depende da nosa solidariedade, das nosas aportacións. Existen empresas onde se habilitou un espazo de recollida nas propias instalacións, outras como na vosa, Unísono, non se nos permitiu. Iso non debe impedirnos facer esta labor. As facilidades ponhémolas nós, vós tan só uns quilos de alimentos: o que cada unha e cada un poida é mais que suficiente.
Que diferencia existe entre este Plan de recollida e outros que existen, como Operación Kilo?
M.B-Nós non pretendemos ser unha rede asistencialista. Pretendemos ser o xermolo dunha rede de solidariedade real, entre traballadores/as conscientes de que é necesario crear as alternativas que o capital nos nega. Por iso diferenciamos entre caridade e solidariedade. Como dicía Galeano, a caridade é humillante porque se exerce verticalmente de arriba a abaixo, mentres que a solidariedade é horizontal e implica respecto mutuo. Sobra dicir que que non estamos subvencionados e que funcionamos todo o ano (aínda que en Nadal estea moi de moda).
Moitísimas grazas, Marga, pola túa colaboración. Desde a sección de Unísono faremos todo o posible porque este Plan vaia adiante. Xa para rematar: qué alimentos precisamos con maior urxencia?
M.B-Alimentos básicos: Leite, farinha, arroz, pasta, legumes, conservas, bolachas... Tamén valoramos a cota extra: deste xeito asegurámonos de ter uns ingresos estables e podemos contar cunha maior planificación. Agradézovos eu a oportunidade de dar a conhecer un pouco máis o traballo que estamos a desenvolver. Anímovos a seguir loitando polos nosos dereitos nas empresas e na sociedade...que non decaia o ánimo, e que se enteren: coa CIG na rúa a loita continúa! Un saúdo a todos e todas.
Sem comentários:
Enviar um comentário