6.2.14

A nova reforma do PP

O pasado decembro do 2013, o goberno do PP apurou unha reforma laboral que os medios de comunicación case non mencionaron pero que, en xeral, supón un novo retroceso para os/as traballadoras/es. Pasamos a resumirvos os aspectos máis importantes:

HORAS COMPLEMENTARIAS EN CONTRATOS TEMPORAIS. 
Desaparece de novo a posibilidade de realizar horas extraordinarias para os contratos temporais pero flexibilízase o réxime de horas complementarias. A única diferenza entre elas é a cotización, o prezo e, sobre todo, os límites: as horas extras teñen un tope de 80 ó mes mentres que as complementarias son moito máis flexibles. A única restrición é que non se poderá aplicar a xornadas inferiores a 10 horas semanais.

Increméntase o número máximo permitido dun 15% a un 30% das horas ordinarias de contrato, podéndose ampliar ata un 60% por convenio colectivo e permítese engadir un número de horas complementarias de aceptación voluntaria que non poderá superar o 15% (ampliables ao 30% se así o permite o convenio colectivo) das horas ordinarias. Ademais, redúcese o prazo de preaviso para a súa realización de 7 a 3 días. É un regalo ó empresario que poderá dispoñer da nosa xornada ó seu antollo (unha persoa con contrato de 25 horas podería traballar unha semana 39, outra 30, etc), e aínda por encima pagando menos por nós (pasamos a custarlle un 1% menos nos custes á Seguridade Social). Debemos esixir que, se realizamos horas complementarias, nos faciliten un resumo anexo á nómina porque así o marca a lei.

XORNADA IRREGULAR. 
A compensación das diferencias por exceso ou defecto da xornada realizada coa duración máxima da xornada ordinaria, poderase  realizar no prazo de 12 meses dende que se produzan (antes debíase compensar no ano natural)

REDUCIÓN HORARIA POR COIDADO DE FILLA/O.
Incrementase de 8 a 12 anos a idade para poder optar á redución e concreción horaria.

AS MUTUAS RECOMENDARÁN A ALTA E ESA DECISIÓN SERÁ VINCULANTE.
As mutuas poderán revisar as baixas por continxencias comúns dende o primeiro día. En caso de que os/as médicos/as da Seguridade Social non contesten á proposta de alta en 5 días, esta será automática. Esta medida, aínda que non está definitivamente aprobada, supón abrir a porta a que as mutuas sexan as xestoras das nosas baixas comúns, o que resulta escandaloso.

Sem comentários: