6.2.14

Onde está o ceo das traballadoras/es? ANÁLISE 2013 - UNÍSONO


Porque algúns témolo gañado. Imos analizar a evolución do emprego en Unísono durante este último ano e imos relacionar esa variable coa aplicación de medidas legais que interpón a empresa  (artigos 17, modificacións substancias, eres...). Isto vainos valer para demostrar as seguintes cuestións:

a. Unísono ten predilección polos contratos inestables e sóbranlle indefinidos. O volume de postos de traballo mantívose en xeral, pese ás medidas de destrución de emprego. Iso evidencia que aínda  que o volume de traballo ten certa estabilidade, a empresa forza a inestabilidade nas nosas condicións laborais.

b. A forza da nosa unión, a nosa persistencia no traballo, o enfrontamento constante fixo que, indubidablemente, a Unísono lle estea custando traballo alcanzar de xeito doado os seus propósitos. Ese debe ser o rumbo que sigamos neste ano que comeza.

c. O que acontece en Unísono non é un caso illado. É o resultado dun proceso de empobrecemento da clase traballadora. O capital vai impoñendo as súas normas de xogo neste sistema creado para o seu beneficio, co fin de poderlograr os seus obxectivos de concentración e centralización da riqueza. Nese sentido a Unísono pouco lle importa manter o emprego en Vigo: sáelle moito máis rentable mantelo en Madrid. As traballadoras/es debemos manternos UNIDAS/OS e ter claro quen é o inimigo: todas as victorias seguirán sendo parciais ata que non logremos derrubar este sistema.

Pasemos a analizar polo miúdo, qué nos deixou este pasado ano 2013:

XANEIRO. 567 traballadoras/es. Fin do SIF.
Comezabamos o ano 2013 cun moi mal sabor de boca. En decembro levaban o Servizo Integral de Facturación de Orange, que prestou servizo en Vigo desde o 2006, para Madrid. Sabiamos que podía supor o inicio da fin: o SIF era unha garantía do mantemento de Orange en Vigo. O tempo, deunos a razón.

FEBREIRO.  542  traballadoras/es. Artigos 17 para 22 persoas.
A primeiros de febreiro aplicaron dous artigos 17, para Goltv e para Orange: 22 persoas perdían o traballo. Ó mesmo tempo, estaba habendo un proceso de conversión a indefinidos/as cambiando a compañeiros/as á recente ING, que viñera en novembro do ano 2012. Sabiamos que a empresa creaba un “excedente” de indefinidos á mantenta. Dixemos que estaban preparando a situación para unha medida maior... e efectivamente, o tempo de novo, volveunos dar a razón.

MARZO. 527 traballadoras/es. Modificación substancial para 13. Artigo 17 para 24.
Aplicaron unha modificación substancial para 13 persoas de Orange. Tratábase dunha modificación individual de cambio de quenda. Nesa altura, a CIG foi a única sección que se molestou en tratar coa empresa a situación destas traballadoras, ás que nalgúns casos lles podía supor o despido por tratarse de nais que non tiñan con quen deixar ós/ás nenos/ás. Grazas á solidariedade de tres compañeiras (entre elas, dúas delegadas da CIG), logrouse evitar que tres persoas perderan o seu posto de traballo. Comunicaban, ademais, outro artigo 17 para Goltv, desta volta para 24 persoas. Goltv quedaba en mínimos e Orange estaba por dar o salto definitivo.

ABRIL. 448 traballadoras/es. Mobilidade xeográfica para 97.
Os nosos xefes intelixentes decidiron aplicar a medida máis ridícula que atoparon no Estatuto de Traballadores/as: unha mobilidade xeográfica nun sector que se desenvolve a distancia (por suposto, a MADRID). A CIG asumiu todo o peso da responsabilidade e fixo TODO o que a forza da ilusión, da imaxinación e do auténtico enfado nos empuxou a facer: non só levamos o peso da negociación, se non que tamén iniciamos conversas coa Xunta, co grupo municipal do BNG, levamos a nosa causa ó Parlamento, convocamos folga, acampada, manifestación e fundamentalmente logramos demostrarlle á xuíza, mediante as demandas individuais, e a través do conflito colectivo do que tamén participamos, a GRAVE situación das traballadoras afectadas. Todos os esforzos tiveron resultado: a aplicación das medidas cautelares. Demostramos que, coa nosa forza de clase, podemos chegar a conseguir cousas inimaxinables.

MAIO. 526 traballadoras/es. ERE.
Poucos días despois de coñecer este resultado,  UNÍSONO aplica un ERE que afectaba ás mesmas 97 persoas. Na CIG sabiamos que non había causa para o ERE. Non obstante, valorando os pros e contras (dereito a reposición de paro, evitar perder salarios ata xuízo, cálculo de posibles indemnizacións, etc), e tras ratificación en asemblea de traballadores/as asinamos aquel ERE que incluía ós contratos indefinidos, e unha bolsa de em prego para os contratos por obra (perdían o emprego cunha indemnización de 20 días pero mantiñan o vínculo coa empresa durante un ano).

XUÑO-NOVEMBRO. Pasamos de 405 persoas traballando, a 527. Período de ERE. Artigo 17. Despidos disciplinarios.
O período de implantación do ERE foi moi intenso. A sección da CIG mantivo reunións constantes coa empresa e con Inspección e logrou  solucionar, entre outras cousas, cuestións de turnos, de vacacións, de bolsa de emprego, de ofertas a outras campañas, de días non pagados... O tempo demostrou unha vez máis que se Unísono quere medrar en Vigo, pode. A maioría das persoas afectadas están hoxe traballando (fican pendentes algunhas da bolsa de emprego, situación denunciada por segunda vez en Inspección de traballo por esta sección).

Xusto ó remate do ERE, Unísono tivo que porlle a guinda final ó pastel. Despediu a varias persoas de xeito disciplinario, como o caso de Maricruz e Claudia, demostrándose posteriormente a improcedencia, grazas ás xestións tamén da sección da CIG. Tamén en novembro asistimos a outro artigo 17 para Goltv: 11 persoas da quenda de fin de semana perdían o seu posto.

DECEMBRO 2013. 545 persoas traballando. Modificación substancial.
A primeiros de decembro anuncian a aplicación dunha nova modificación substancial de cambio de quenda, que esta sección sindical combateu desde o primeiro día en todas as reunións mantidas coa empresa. A día de hoxe, pendente por resolver a demanda interposta por unha delegada da CIG afectada, seguimos afirmando que a documentación que aporta a empresa non xustifica a súa aplicación. Será un xuíz, quen teña a última palabra. Lamentamos a pouca combatividade das restantes seccións: na CIG temos claro que nunca consentiremos que, cos seus beneficios multimillonarios, nos manteñan humillados e amedrentados. Se Unísono non o sabe, que o vaia aprendendo: Sen as traballadoras non son ninguén!!

Como vedes, parece que Unísono ten o seu centro de prácticas en materia de xurisprudencia na nosa cidade. Desde logo, o resto de centros do estado non padeceron este ataque permanente. Unísono debe ter en consideración que a nós tamén nos está facendo máis fortes: cada medida que Unísono aplique será respondida co dobre de contundencia. Estamos fartas/os de estar no punto de mira: queremos estabilidade, queremos melloras no noso posto de traballo, queremos poñer fin, dunha vez por todas, a este acoso permanente ó que nos vemos sometidas. Que este 2014 nos sexa leve, compañeiros/as!



Sem comentários: