Unísono non amosa as súas cartas, a non ser as de despido. Iso foi o que lle aconteceu a dúas compañeiras de GOLTV, que viñan desenvolvendo as súas funcións en BBVA e OCU, tras a finalización deste período de ERTE.
Os motivos que alega a empresa para o despido destas dúas compañeiras son completamente inxustificados. Por iso, esta sección se dirixiu a Antonio Trimiño (responsable de Relacións Laborais) e a Diego Lago (director de Unísono Vigo), co fin de que a empresa recapacitase e readmitise a estas traballadoras. Lamentablemente, Unísono non muda a súa decisión, que se demostra arbitraria no mesmo momento no que ningún dos responsables é capaz de explicar o motivo do despido.
O motivo REAL destes despedimentos é que Unísono prefire desfacerse dese “excedente” de persoal sen un peso, cunha argumentación peregrina, para ver se sona a flauta e aforra os cartiños da indemnización. Pero os nosos xefes teñen que saber que as únicas flautas que van sonar van ser as que a sección da CIG traia o próximo MÉRCORES, de 14:30 a 15:30: esixirémoslles, concentrados diante da empresa, que cesen no seu ataque permanente ó seu cadro de persoal, suficientemente explotado e maltratado. Que traian carga de traballo estable. Que dean formación de vendas. Que, en definitiva, NOS DEAN TREGUA e poñan un pouquiño da súa parte.
Agardamos que na reunión que manteñamos con Inspección e Empresa, Unísono traia unha mensaxe de estabilidade no emprego de Vigo, porque do contrario esta mobilización será só a primeira de moitas. NINGUNHA MEDIDA VAI QUEDAR SEN RESPOSTA. Por suposto, todas as restantes seccións do Comité están convidadas a unirse na defensa do traballo en Vigo.
NOTA: trátase dunha concentración de delegados/as. Non te desconectes pero acompáñanos nos descansos ou fóra da túa quenda!! Hoxe son elas pero mañá serán eles!!
Sem comentários:
Enviar um comentário