As previsións da CIG cúmprense: Unísono teima na súa vontade de poñernos as cousas difíciles. Na reunión mantida onte con Inspección, a Empresa volveu evidenciar a nula vontade que ten por solucionar un conflito que vén de vello: a falta de carga de traballo e a ausencia de formación en vendas. Inspección dános a razón e insta a Unísono a que nos facilite a contratación neta repartida por campañas e centros de todo o estado.
Contabamos, na reunión mantida onte con Inspección de Traballo e Empresa, falar dunha serie de cuestións que ficaran pendentes (turnos, acordos, incumprimentos de erte, días de libranza, etc) pero finalmente non puido ser. UNÍSONO TIÑA MELLORES PLANS: ANUNCIAR UNHA MODIFICACIÓN SUBSTANCIAL.
Pero tranquilos/as, é só para xogar ó despiste. Presumen de seren expertos en matemáticas pero os números están xa tan estrangulados que non poden cantar máis:
Din que lles fan falta 10 persoas de tarde en GOLTV e por iso tiñan pensado obrigar a aproximadamente 20 persoas a cambiar de quenda (?). Mentres outros/as falaban de criterios para escoller ós/ás afectadas, esta sección insistiu ata a saciedade en que a empresa xa nin amagaba unha conciliación: antes de obrigar a ninguén sempre se debería abrir un proceso menos lesivo de cambios voluntarios. UNÍSONO volve evidenciar que non queren pechar acordos, se non abrir conflitos. Inspección insiste en que Unísono escoite as nosas recomendacións.
Con respecto á previsión de traballo afirman como seguros, unicamente 28 postos en ING e 3 en RCI, todos en quenda partida (31 en total). Abrirán a posibilidade a todo o cadro de persoal a presentar solicitude de cambio: como podedes ver xa o anunciaron no blog (estades excluídos os/as que xa picastes en ING, que sodes a maioría, casualidades).
Por outra banda, e non menos importante, cando fundamentan o artigo 17 de GOLTV afirman ter un excedente de 60 persoas. Non fai falta ser moi listo para saber que, no mellor dos casos (que haxa 31 persoas que vaian voluntariamente a un turno partido perpetuo) segue habendo un exceso de 30 persoas MÍNIMO. UNÍSONO, acorralado por esta sección, balbuceea e non afirma nin desmente nada. Pero xa deu os seus primeiros pasos despedindo de xeito arbitrario e inxustificado máis de dez persoas desde que se implantou o ERTE. Tal e como fixemos con eses despidos, combatiremos cada unha das medidas propostas pola empresa por todas as vías necesarias.
Inspección déixao claro: se a empresa non ten nada que ocultar, a información ten que fluír como a auga. Está en xogo o noso futuro laboral. Grazas á seriedade do traballo que levamos a cabo durante este proceso de erte, logramos algo moi importante: que Inspección entenda o alcance destas medidas e inste á empresa a facilitarnos a contratación neta por campañas e centros. Non obstante a empresa algo debe ter que ocultar cando se negaron en rotundo a facilitarnos eses datos alí mesmo, pese a que os tiñan fisicamente nun documento.
Para seguir profundizando nestes temas, despois dunha xuntanza de cinco horas, temos datada unha reunión para o próximo martes 10. A sección da CIG non vos vai enganar: IMOS TER QUE PELEXAR DE NOVO.
Sem comentários:
Enviar um comentário