Unísono róubanos os mellores anos da nosa vida sen adquirir ningún compromiso de traer traballo a Vigo. Solicitámoslles que reconduzan a situación porque do contrario, non nos quedará outra que volver dar a batalla.
En maio Unísono atreveuse a presentar unha medida totalmente ridícula para o telemárketing: un artigo de mobilidade xeográfica, afectando a un colectivo moi sensible: na súa maioría mulleres con cargas familiares. Pelexámolo na empresa, na rúa, nas institucións e no xulgado. A unidade e a capacidade de enfrontarnos a ese abuso permitiu que lograramos paralizalo.
Cando nos presentaban este ERTE que agora remata, todas/os sabiamos que era a nova milonga de Unísono para cumprir os seus propósitos. Asinamos ese ERE porque despois da votación dos traballadores/as era o que tiñamos que asinar. O motivo de tomar esta decisión foi porque entre os camiños que se abrían non se aseguraba nada. Ademais, a efectos económicos non perdiamos nada porque un improcedente (que entendiamos que era o mellor panorama, e lembremos que tras a reforma xa non se cobran salarios de tramitación) non supoñía máis cartos que seguir traballando, tendo a posibilidade de manter o traballo ó remate do período cunha indemnización final de 20 días por ano no caso de sermos despedidas/os. Ademais, un dos riscos era que ata o xuízo os afectados/as non percibiran ningún salario (porque se entendiamos que Unísono aplicaba o ERTE para eludir a súa obriga de acatar as medidas cautelares tratábase dunha fraude, que tería que ser denunciada ante a Seguridade Social e unha das medidas que podían adoptar era non realizar o pago do salario durante a suspensión).
Pois ben, seis meses despois REMATA O PERIODO DE ERTE. Seis meses nos que todas/os sufrimos unha tensión constante. Nos que tivemos que enfrontarnos á empresa para lograr cuestións tan básicas como que abrisen a posibilidade de cambio a Gas Natural ou Ing. Nos que tivemos que denunciar ante Inspección feitos como a exclusión de compañeiras da bolsa de traballo. Nos que os litixios de turnos e horarios foron e seguen sendo constantes e nos que todos estivo acompañado pola nova instauración do programa WFM, con todos os problemas que ocasionou e aínda ocasiona, coma xa tamén denunciamos ante Inspección de traballo.
Segundo as informacións da empresa (que son todo o fiables que son), parece que o ERTE remata sen novos despidos (non esquecemos os de obra que aínda non recuperaron o posto, nin os despidos disciplinarios e arbitrarios que se están cometendo). Actualmente, aínda sen termos información oficial, observamos que traen a BBVA-ENQUISAS e que trouxeron a OCU. Vemos que ese volume de traballo non acaba sendo o que prometeron e que, ademais, é temporal. Unha vez remate ese volume de traballo, e tendo en conta que GOLTV renova o seu contrato con Unísono en xaneiro... cabe preguntarse:
Que pasará en xaneiro? Innovarán cunha medida que non coñeciamos ou aplicarán o xa clásico ERE? Antes de responder a esa pregunta, a empresa vai ter que demostrar cal é o motivo de que Unísono Vigo non teña máis traballo. Terá que explicar por qué só caen ERES en Vigo, por qué cada ano perdemos arredor de cen postos de traballo e aínda non puxeron ningunha medida para cambiar esa realidade. Por qué, se medran maioritariamente en campañas de emisión, aínda non deron ningunha formación en TÉCNICAS DE VENDA. Por qué, en definitiva, ocultan información (como a contratación neta de traballo en todos os centros do estado e de fóra) se é certo o mellor sorriso de José María asegurando que non queren pechar ningún dos centros. Agardamos que esa explicación se produza nas próximas reunións que temos programadas.
Desde logo Unísono pode ter claro que non van aplicar ningunha medida sen que esta sección responda. O noso obxectivo é volver encher os dous centros, porque ademais, a situación de emerxencia social na comarca cada vez é maior. Non podemos, por tanto, consentir que unha multinacional como Unísono, na que botamos os mellores anos das nosas vidas, siga pensando en prescindir de nós e estea preparando xa a documentación. Pedímoslles ós señores/as de Unísono que se comprometan co noso futuro porque na CIG temos ánimo de loitar ata vencer. Despois da reforma laboral, xa NADA temos que perder.
Sem comentários:
Enviar um comentário