20.11.13

UNÍSONO FAINOS A CAMA

Como xa todos/as podedes intuír, o clima de tensión dentro do Comité de Empresa de Unísono é insostible. A sección da CIG sempre considerou que o silencio era unha resposta elegante, pero o certo é que se por algo se caracteriza o silencio é por non decir nada. E nós temos moitas máis cousas que decir das que poidan decir de nós.

Partimos dunha reflexión: Se lle preguntamos a calquera traballador/a de Unísono sobre a visión que ten dos delegados/as sindicais probablemente responda que é un colectivo que perde o tempo pelexando entre eles, que gasta as horas sindicais tomando café e que goza dunha serie de privilexios que non debería.

Efectivamente, todos/as os/as delegados/as da CIG tiñamos esa visión dos sindicatos de Unísono cando eramos meras traballadoras/es. Por iso o noso único obxectivo foi sempre MANTER TRABALLO DE CALIDADE EN UNÍSONO VIGO e facelo desde o respecto cara a todos/as os/as compañeiros/as do centro (porque cremos que é a única maneira de CONSTRUÍR) e sendo moi escrupulosos co gasto das nosas horas sindicais (por iso esta sección nunca tivo problemas de horas coa empresa). Nesa liña nos seguiremos mantendo, e agardamos que se algún traballador/a ten algunha dúbida, algunha crítica ou algunha suxestión de mellora nos dea traslado persoal porque a nosa única función aquí é velar polos vosos intereses. Esta función só ten sentido desde unha perspectiva de unidade e confianza entre os traballadores/as.

Dito isto, pasamos ó realmente importante:

A situación de Unísono pinta MAL. Así llo trasladou esta sección a Inspección de Traballo o pasado venres. Deducimos pola documentación que traslada Unísono a respecto do artigo 17 de Goltv que nesa campaña hai un excedente de 2000 horas semanais aproximadamente, o que significan 60 persoas máis ou menos. Ese é o excedente que precisamente Unísono coloca na campaña de OCU, que como xa sabedes lle queda  a priori, un mes de duración. Ademais diso, polo que observamos, OCU parece máis ben unha estratexia de Unísono para demostrar o “bos que son eles intentando e intentando traer traballo” e o “malos que somos nós vendendo”. Vemos que están preparando a cama para a aplicación dunha nova medida e esta sección está combatíndoa desde AGORA MESMO. Trasladámoslle a Inspección algo moi importante e que Unísono sempre esquece: FORMACIÓN EN TÉCNICAS DE VENDA. Unha asignatura pendente que terán que repetir.

Ademais de explicarlle esta situación, pola que se tomarán unha serie de medidas, tamén seguimos tratando os acordos e as cuestións que sempre quedan pendentes. Bolsa de emprego. Turnos. Programa WFM. Falta de documentación... Moitas das peticións e acordos plantexados xa se cumpriron, case sempre grazas a Inspección, e agardamos que co seu novo toque máxico logremos dar por finalizado este proceso de mellora en cuestións básicas. Por suposto, seredes os primeiros en enterarvos das novidades.

Se tedes dúbidas ó respecto preguntádenos, solicitade revisións das actas do Comité de Empresa, da Comisión de Seguemento ou das reunións mantidas con Inspección. Solicitade ir de oíntes ás reunións do Comité. Pedide reunións de traballadores/as. PARTICIPADE! Porque onde hai papeles, calan barbas. Porque a sección da CIG cre noutro modelo de sindicalismo e traballa día tras día para conseguilo. Porque temos un equipo de persoas implicadas e conscientes. Porque non cremos en verdades reveladas, se non en verdades obxectivas. Porque para nós ser delegado/a non é un privilexio, é un compromiso.

Sem comentários: