DBK é unha empresa española que se define a si mesma como especializada na elaboración de estudos de análise sectorial e da competencia. Unísono fíxonos entrega dun estudo realizado por esta empresa no que se detalla a evolución do noso sector ao longo do ano 2011.
Unha das conclusións fundamentais, e que demostra a inxustiza do Convenio asinado neste período, é que nin Unísono nin o sector en xeral está en crise. Máis ben ao contrario, a súa facturación mantívose en 2011 e en 2012, como se prevé que se manteña para 2013. É preciso lembrar que, a pesar de que durante estes anos estamos nun período de estancamento, o medre que se deu entre o ano 2009 e o ano 2010 foi brutal (no ano 2009, p.ex. Unísono facturou 94,82 millóns de euros e no ano 2010, un tercio máis: 127,03 millóns de euros).
Un dos argumentos que se manexan neste informe para explicar o cese dese crecemento imparable e, polo tanto, o estancamento da facturación, é que nos atopamos ante a madurez do noso sector. Por outra parte, tamén se apunta que, dado que o Telemárketing vive exclusivamente de darlle servizo a outras empresas, o mellor ou peor rumbo que estas teñan nesta guerra de capitais que deron en chamar crise, vai incidir directamente no noso futuro.
É importante sinalar que os clientes que xeneran maior demanda son, en primeiro lugar os de Telecomunicacións, e en segundo, os do sector Financieiro. En Unísono, p.ex. a demanda de servizos do sector das Telecomunicacións está baremada nun 46,6% sobre o total, e a do sector financeiro é a segunda cun 10,08 %. Séguea Seguros, cun 4,8%.
É evidente que o contexto socieconómico non é o máis indicado para favorecer o consumo. Por un lado, a crise afoga a familias que, no mellor dos casos, se ven na obriga de prescindir de bens que se acabarán considerando de luxo (como o móbil ou o adsl).
Por outro lado estamos sufrindo, usuarios/as e traballadores/as, unha reestruturación bancaria que, p.ex. en Galiza contempla, coa xestión que o Goberno Central está facendo de Novagalicia Banco, 2.500 despedimentos, e que implicará un volume de traballo e de facturación moito máis centralizado. Ademais, a maior competencia entre empresas favorece que unhas absorban a outras (p.ex. Orange-Yacom), que se fagan malas xestións para manter os beneficios (p.ex. Goltv, sobe o prezo dun producto que agora é de peor calidade) ou que se deslocalice traballo a países con condicións laborais aínda máis precarias que as que temos nós.
De feito, a deslocalización (renomeada, para branquexala, como “externalización”) é a tendencia maioritaria do noso sector. Nomeadamente cítase a Unísono como un dos exemplos nos que se percibe un aumento de peso dos ingresos polos servizos prestados fóra do Estado español. Actualmente a cifra de centros, pertencentes ás principais empresas nestes países xa ascende a 72 (63 das cales están en América Latina; 17 en Colombia; 15 en Chile; 11 en Perú; Unísono, de momento, ten 4). Cómpre destacar que a práctica totalidade do servizo que se presta nestes países é para clientes do Estado español.
A tendencia é que menos empresas dominen maior cota de mercado, como parte do proceso de concentración e centralización do capital que vivimos na etapa actual. O total de plataformas no Estado, propiedade das 75 principais empresas (entre as que está Unísono) é de 189. En Galiza temos un volume importante de traballo: estamos en cuarto posto con 15 centros (Madrid, 46; Barcelona, 41; Andalucía, 30; Castela e León, 13). As principais empresas conviven con empresas locais máis pequenas que non entran no estudo e, por tanto, non están cuantificadas. Non obstante, a porcentaxe de cota de mercado que manexan as cinco principais empresas (entre as que está Unísono) está cifrada nun 45%. É dicir, só cinco empresas teñen case a metade. Esta tendenza, segundo os datos que se manexan, vai en aumento.
Nun momento como o actual, no que é moi difícil atopar traballo, con case 280.000 parados/as en Galiza, no que é case imposible vivir só co salario de teleoperador/a (p.ex. o prezo medio da vivenda enVigo é de 534€), é fundamental que esixamos responsabilidades. Nós somos os/as benefactores das empresas. Nós, co noso traballo, co salario practicamente conxelado, contribuímos a que os empresarios teñan beneficios multimillonarios. Segundo economistas críticos co sistema actual, estamos regalándolle ao empresario un promedio de tres meses ao ano en concepto de plusvalía. TRABALLAMOS GRATIS para que eles poidan vivir ao seu antollo e para que poidan xogar coas nosas necesidades básicas.
Sindiquémonos, e loitemos contra esta realidade!
Sem comentários:
Enviar um comentário