9.1.13

A CIG PIDE FORMACIÓN


As compañeiras e compañeiros que traballamos na campaña de Orange (a máis castigada pola falta de formación), sufrimos unha esixencia na realización do traballo constante. A parte das monitos feitas pola propia empresa (nas que se nos pide o correcto trato co cliente e a perfecta execución da operativa), dende hai un tempo, temos tamén que pasar ao cliente a una enquisa na que nos poñen nota. Por se fose pouco tamén somos escoitados por “Orange”.

Do resultado destas exhaustivas valoracións depende que sigamos mantendo o noso posto de traballo, xa que a empresa pode alegar como motivo de despedimento a baixada do rendemento no posto de traballo. Entendemos, aínda que nos pareza excesivo, que a empresa teña que controlar a calidade do traballo desempeñado, tan esixida polo cliente Orange, pero cremos que para esixir tamén hai que dar, e o que hai que dar non é outra cousa que a FORMACIÓN.


Ao longo de todo o ano pasado dende a nosa sección sindical, fixemos todo o posible para conseguir máis e mellor formación para todos/as os/as axentes; tanto para os/as que desempeñan habitualmente un posto (que deben ser formados de xeito periódico para actualizarse cos cambios nos productos e coas novas operativas), como para os/as que por distintos motivos, como cambios a outras campañas, situación de IT, etc., leven tempo sen estar na campaña.



Na CIG temos denunciado estas carencias, chegando a levar o asunto a Inspección de traballo. Non nos cansamos de pedir solucións mediante escritos a Dirección e aos responsables de RRHH, tratándoo nas reunións coa Dirección, e pedindo aos responsables da campaña que os/as axentes sexan formados sempre que haxa algún cambio. A resposta, se é que a temos, sempre é que Orange non dá tempo para a formación.

Nós, os/as traballadores/as sabemos que temos que cumprir coa calidade. Déixano moi clariño todos os meses a traves das monitos, e todos os días pedíndonos que cumpramos co tempo de chamada. Parece que non se dan conta de que para cumprir é imprescindible que impartan a ansiada formación. Non poden botar balóns fóra botándolle a culpa a Orange. Unísono debe facer que nós, os/as axentes dispoñamos das ferramentas necesarias para atender as chamadas, xa que somos nós, e non eles, quen damos a cara ante o cliente e quen continuamente estamos pendendo dun fío.

Na CIG, tal e como viñemos facendo ao longo destes 7 anos que levamos xuntos, seguiremos loitando polos nosos dereitos e esforzarémonos ao máximo para conseguir que a Empresa atenda as nosas peticións.

Sem comentários: