2.11.11

UNÍSONO pecha os ollos e os/as axentes botamos a lingua

Desde hai un tempo, desde a sección da CIG, vimos detectando unha serie de carencias que nos impiden desenvolver ben o noso traballo, e, tras recibir numerosas queixas pola vosa parte, decidimos solicitar unha xuntanza coa empresa para tratar estes puntos:


Un dos nosos temas de conversa recorrentes é o da formación. Desde sempre nos queixamos de que non hai plans formativos de actualización de coñecemento nos axentes. Cando os hai, son escasos e teñen unha única motivación: poder mover ás persoas de campaña cando lles interese para poder expremer aínda máis o beneficio que podemos xenerar. Este problema, non obstante, non atinxe só a axentes: hai coordinadores que non foron suficientemente formados e que, aínda tendo unha actitude impecable tanto no trato como nas súas ansias de autoformación, non están ó nivel que require a rutina das chamadas.

Outro dos temas que máis nos preocupa, e polo que se leva anos loitando, é por conseguir o
famoso “break”. Todos sabemos o abrumador que resulta coller chamadas sen descanso.
Pedímoslles 5 segundos de descanso, o que suporía non máis de dúas horas e media por axente ó mes: unha miseria que a empresa non está disposta a pagar porque segundo eles xa nos chegan de sobra os descansos que temos.

Observamos que nas últimas épocas, de feito, a cantidade de persoas de baixa aumentou e resulta doado atribuílo ó ritmo tan abafante de traballo que temos. O nivel de “absentismo” (así lle chaman os empresarios á determinación dun facultativo, como se implicase unha decisión activa por parte do traballador, cuestionando a labor do especialista), segundo nos comentan está nun 28% na campaña de Orange, cando o “normal” é un 11%.

A empresa accedeu a revisar (e agardamos que a atallar) as carencias formativas pero negouse rotundamente a valorar a posibilidade de darnos un respiro entre chamada e chamada, algo que, por outra parte, debería estar regulado polo Convenio. Debemos reunir forzas para conseguir, dunha vez por todas, dignificar as nosas condicións de traballo.

Sem comentários: