18.11.11

UNHA DE CAL E OUTRA DE AREA

Onte, día 17 de novembro, a sección CIG xunto co resto de Comité, mantivemos unha reunión coa Empresa. Fomos convocados con moita urxencia polo Director de R.H., (José María Alonso) porque tiña algunhas novidades que contarnos.

A primeira nova que nos transmiten e que consideramos positiva, en canto que responde a unha das principais demandas por parte da nosa sección –o mantemento do traballo en Vigo- é que UNÍSONO nos transmitiu non só a creación dunha filial chamada ESTRATEGIAS CONTACT CENTER dentro das instalacións da Empresa, se non que tamén a posibilidade de contratación de novas campañas. Non cedemos, por suposto, no empeño da creación dunha bolsa de traballo con todo aquel persoal despedido (art. 17 e fin de obra) e seguimos traballando nese punto.

Unha de cal e outra de area; aquí chega a bomba:

UNÍSONO emitía onte unha circular na que nos notifica a contratación dun novo SERVIZO DE ATENCIÓN MÉDICA, que, basicamente, se encargará de verificar se a nosa baixa médica é real.

Preguntarédesvos se isto é legal. No artigo 20.4 do Estatuto dos Traballadores di que “O empresario poderá verificar o estado de enfermidade ou accidente do traballador/a que sexa alegado/a por este para xustificar as súas faltas de asistencia ao traballo, mediante recoñecemento a cargo de persoal médico. A negativa do traballador/a aos ditos recoñecementos poderá determinar a suspensión dos dereitos económicos que poidesen existir a cargo do empresario polas ditas situacións”.

Despois de manter unha primeira entrevista coa asesoría xurídica do noso sindicato, aconsellámosvos, ata novo aviso, que asistades porque a lei parece que denota unha certa obligatoriedade en canto á asistencia, aínda que a cesión de datos para a creación dun novo historial SI é VOLUNTARIA así que vos aconsellamos non aceptar cedelo.

Recorda que, segundo a Resolución do 21 de outubro do 2009 da Secretaría de Estado da Seguridade Social, díctanse instruccións para a compensación de gastos de transporte nos casos de asistencia sanitaria derivada de riscos profesionais e de comparecencias para a realización de exames ou valoracións médicas. Nós entendemos que todos os gastos derivados do desprazamentos á consulta teñen que ser abonados pola empresa (enfermidade común), a pesar da negativa desta.

Moi ó noso pesar, consideramos que este é un novo mecanismo por parte de UNÍSONO para presionar aos compañeiros/as en situación de baixa médica e forzar sibilinamente a súa reincorporación ao seu posto de traballo sen importarlle demasiado o seu benestar.

Desde a Sección CIG seguiremos asesorándonos e informándovos.

En Vigo, a 18 de novembro, 2011

Sem comentários: