Cando nos atopamos ante un accidente de traballo in itinere? A Lei Xeral da Seguridade Social define o accidente de traballo como toda lesión corporal que sofre o traballador con ocasión do traballo. A título meramente enunciativo, atopámonos ante un accidente de traballo cando concorren os seguintes requisitos: que se produza unha lesión corporal, que esta lesión sexa consecuencia dun traballo por conta allea e que exista unha relación de causalidade entre a lesión e a realización do traballo, entrando en xogo neste punto o que coñecemos como presunción de laboralidade, polo que se presume constitutivo dun accidente de traballo toda lesión que sofra o traballador durante o tempo e no lugar de traballo.
Como primeira idea, indicar que esta presunción non alcanza aos accidentes de traballo In itinere, onde a carga da proba recae sobre quen pretenda a calificación do accidente como laboral.
A continuación, exporemos de xeito xeralizado os requisitos que os Tribunais veñen esixindo para
calificar un accidente como In itinere:
-Que concorra no traxecto de ida ou volta ao traballo. Destes conceptos (lugar de traballo, domicilio do traballador e traxecto) ímonos deter brevemente nun deles: o domicilio do traballador, concepto que os Tribunais non limitan ao domicilio legal senón que abarca tamén ao domicilio real e habitual do traballador, entendido como lugar de residencia ou de estancia distinto á residencia principal do
traballador. Vexámolo cun exemplo: si constitúe accidente In itinere o accidente sufrido por un traballador cando se dirixía ao seu domicilio habitual durante a tempada de verán; pero non o constitúe o accidente que sofre un traballador no desprazamento que realizaba todas as fins de semana dende o seu centro de traballo ao domicilio da súa avoa nunha localidade distinta á que constitúe o domicilio habitual do traballador, nin tampouco o sufrido polo traballador cando se dirixía ao domicilio da súa moza.
-Que o traxecto empregado sexa o adecuado e habitual para ir ou voltar do traballo. Non se considerou accidente de traballo o sufrido polo traballador que non seguíu o camiño adecuado ao circular por un carril sen asfaltar no lugar de facelo pola estrada que recorría habitualmente.
-Que o medio de transporte empregado sexa adecuado para realizar o desprazamento. Seguindo co exemplo anterior, onde o traballador que circulando polo carril sen asfaltar o facía, ademais, conducindo unha moto da súa propiedade, o cal lle fora prohibido expresamente pola empresa, no lugar do servizo de transporte disposto pola empresa.
-Que no camiño de ida ou de regreso do traballo non sucedan interrupcións temporais ou desviacións significativas. Os Tribunais veñen esixindo que o accidente se produza nunha secuencia temporal inmediata ou razonabelmente próxima á entrada ou saída do traballo, admitindo, cun criterio flexíbel, interrupcións xustificadas ou momentáneas, como visitar a un fillo hospitalizado nun centro que quedaba de paso, parada dunha hora para almorzar no domicilio paterno, ...
Como xa queda dito máis arriba, será quen pretenda a calificación do accidente como laboral quen terá a carga de probar que concorren os requisitos anteriormente expostos. É por iso, que en caso de ocorrer un accidente laboral In itinere, e no mesmo momento en que este ocorre, deberase solicitar un informe policial sobre os feitos acaecidos, un parte de accidente ou testemuñas presenciais.
Sem comentários:
Enviar um comentário