Podemos considerar o pasado 24 de xuño como o venres negro de Unísono: en plena protesta polo artigo 17 e as súas 99 consecuencias, a empresa agasállanos cun ERE e co aviso de finalización de Orange Voz e Datos: 151 persoas ían ir á rúa cobrando 20 días por ano, ademáis das 111 persoas que inevitablemente lles finalizaba o seu contrato de obra, percibindo 8 días.
Desde a CIG non podiamos entender cómo Unísono, unha empresa con beneficios millonarios, perdía a pouca vergonza que lle quedaba intentando desfacerse de medio plantel moi cualificado, despois de ter este levantado co seu esforzo e sen ningún tipo de recompensa, campañas e campañas. Sabedores da Autoridade Laboral que temos -Unha Xunta antiobreira e antigalega, que firma cada un dos ERES que recibe-, non podiamos deixarlle ó azar e á Inspección de traballo – unha figura de doble cara e polo tanto de doble xogo- unha negociación que traía baixo o brazo gravísimas consecuencias.
Nós, sendo conscientes do risco que corrían os nosos postos, tomamos a iniciativa de traballar en prol do mantemento do traballo en Vigo, tendo sempre claro que o noso obxectivo era respaldar os vosos intereses, mantervos informados de todos os pasos que iamos dando e respectar o voso último veredicto. Dese veredicto e da dura negociación que levamos a cabo durante un mes, xurdiu a firma do acordo que hoxe temos: 52 postos afectados en dous períodos de 6 meses (polo tanto 104 persoas) que, no caso de veren suspendidos os seus contratos percibirán o 85% ou o 100% do seu salario, segundo estean ou non en períodos de formación, sen que o seu paro se vexa afectado. Todas aquelas persoas que desexaban rescindir o seu contrato fixérono cobrando unha indemnización de 28 días por ano, podendo acceder á prestación por desemprego. Todo isto, vixiado, como xa sabedes, por unha comisión de seguemento que vixía a transparencia da aplicación do ERE.
Despois de ternos situado no peor dos escenarios, poderiamos dicir que o resultado obtido nos permitiu dar un respiro. Un respiro breve, porque somos conscientes de que debemos seguir comprometidos co noso futuro laboral e sobre todo, debemos seguir mantendo unha actitude crítica: todo o proceso que acabamos de vivir non é unha situación illada; debemos, xa que logo, enmarcar o acontecido dentro dun contexto.
O contexto é o sistema capitalista e a súa crise: o Estado español, despois de poñer en mans privadas empresas pública (p.ex. Telefónica), de supeditar a maioría social ó interese de catro empresarios (p.ex. regalándolles reformas laborais que só promoven o empeoramento das nosas condicións), segue a facer a vista gorda cando empresas con beneficios millonarios se desfán do seu plantel porque lles “sobran” indefinidos (p.ex. Unísono) ou cando estas mesmas empresas moven o traballo a outros países con condicións moito peores cás nosas porque saben que alí lles sae aínda máis barato manter un servizo falsamente chamado de atención ó cliente (p.ex. Unísono e Orange).
Por todo isto, aínda que como dixemos a solución do ERE foi mellor do previsto, non estamos satisfeitas e sabemos que debemos seguir loitando por mellorar as condicións da clase traballadora en xeral e do sector do Telemárketing, que aínda segue sen convenio, en particular.
Non é xusto que sempre se repartan entre a minoria social as ganancias e se socialicen as débedas: loitemos todos xuntos polos nosos dereitos!
Sem comentários:
Enviar um comentário