Este venres 9 de agosto a
sección da CIG volvemos manter unha reunión coa empresa
(concretamente co Director de Empresa e co Director de Cliente) para
tratar de solucionar temas que estaban pendentes. Pasámosvos a
resumir o resultado:
- PREFERENCIAS HORARIAS. A día de hoxe esta sección vese imposibilitada para velar que se leven a cabo de xeito fiable as solicitudes de preferencias horarias, de cambio de quenda ou de aumento de xornada porque a empresa se nega a facilitarnos esa información. Dado que a maioría das queixas dos/das traballadores/as son por este motivo e dado que NON CHEGAMOS A ACORDO, non nos queda máis remedio que tomar as medidas legais que consideremos oportunas.
- MANTEMENTO DE CATEGORÍA. Na negociación do ERE, tal e como demostran as actas asinadas, acordamos que ó persoal da bolsa de traballo tamén se lle mantería a categoría, feito que se incumpre nalgunha ocasión e que esta sección xa puxo en coñecemento da empresa días atrás. A empresa argumenta que o debe autorizar o Responsable de Recursos Humanos, que está de vacacións (para eles si hai cupo). O luns, se non temos unha resposta, entendemos que TAMPOUCO CHEGAMOS A ACORDO e interporemos denuncia ante Inspección de Traballo.
- DÍAS TRABALLADOS E NON PAGADOS. Volvemos insistir neste problema que levamos arrastrando desde maio. Posto que a empresa non fai o seu traballo, fica pendente que lle entreguemos o listado de traballadores/as afectados/as para solucionalo. En caso contrario, tamén o reclamaremos pola vía que sexa necesaria.
- PERSOAL AFECTADO POLO CAMBIO DE QUENDA. Resulta especialmente grave o caso do persoal ó que se lle aplicou unha modificación substancial das condicións de traballo cambiándoo de quenda e que ten absoluta prioridade para o seu regreso á mañá: vulnérase o seu dereito cando se contratata persoal eventual da rúa e cando se fan cambios discrecionais á quenda de mañá de persoal que sabemos que non ten solicitude previa. A empresa comprometeuse a notificar ás persoas afectadas a posibilidade de regreso á mañá, canto menos polo tempo que teñan posibilidade de traballo. Farano o luns. En caso contrario tomaremos as medidas legais que consideremos oportunas.
- VACACIÓNS. Con respecto a este tema, posto que a problemática fundamental parte do persoal afectado polo ERE, derivaron o seu tratamento para a Comisión de Seguemento. Non obstante, trataremos como sección cada caso de xeito puntual e por iso vos pedimos que nos fagades chegar todas as queixas e dúbidas antes do 29 de agosto, que teremos de novo cita na nosa asesoría xurídica. A empresa pola súa parte dinos que aumentou o cupo todo o posible, pero que as necesidades de servizo non poden quedar descubertas. Reiterámoslles que, canto menos, deben informar ós traballadores/as de cando existe cupo para evitar tantas denegacións. Van intentar revisar os casos puntuais que lles transmitimos e quedamos emprazados a volver tratar o tema na próxima reunión da Comisión de Seguemento.
- ING E A CALIDADE. Fixémoslle saber á empresa unha vez máis que non estabamos de acordo co tratamento que se fai en ING da calidade porque non o consideramos obxectivo. Volvemos transmitirlles as vosas queixas con respecto os ratios de ofrecemento. A empresa bota balóns fóra e di que para facer o cáculo do 40% de ofrecemento o fan sobre chamadas. É dicir, de cada 10 chamadas como mínimo tedes que ofrecer en 4. Loxicamente nós sabemos que isto non é así, porque os cálculos que nos transmitides son outros. En próximas ocasións precisaremos de datos máis concretos para poder rebaterlle á empresa. A empresa insiste na importancia do ofrecemento e asegura que hai un grupo de persoas que non o practica. Poñemos en causa esta aseveración pero recomendamos que se están no certo, intentedes mudar iso. É importante, segundo mantén a empresa, ter unha boa calidade (están satisfeitos con este punto) e ter un bo ratio de ofrecemento.
- ING E PLANS DE SEGUEMENTO. A empresa menciona no plan de seguemento que nos entregan que dispoñen de plans personalizados para aquelas persoas que entran en seguemento. Consultámoslle en que consiste ese plan personalizado e aseguran que vos dedican entre media hora e unha hora para actualizarvos cando entrades en seguemento. Decídenos se isto é así e se o considerades suficiente.
- ING NÓMINA. Todos/as pensabamos que se trataban de dúas semanas ó mes en partido e vemos que por exemplo neste mes tocan tres semanas. A empresa insistiu é que é algo puntual pero, tras moito litixio, concedeu que intentarán que non volva acontecer e se é necesario que sexa o menor tempo posible, pero non se comprometen.
- PLAN FLEXILIA. Ó parecer en Madrid dispoñen dun plan flexilia que permite a compensación daquel tempo que o/a traballador/a se queda fóra da súa xornada porque a chamada se prolonga. Ademais de que ten habido descontos en nómina por retrasos, cremos de xustiza que este plan se aplique tamén en Vigo. Vano consultar.
Hai moitos outros temas
que nos preocupan e que por falta de tempo non tratamos. Sobre todo
os relacionados co ERE, porque ademais teñen que ser tratados na
comisión de Seguemento. Esta comisión xa foi solicitada e a empresa
respondeunos que tería que ser a finais de mes. Xa lles fixemos
saber, e volverémoslles lembrar que estes temas non poden agardar
máis co fin de intentar adiantala. Coma sempre, calquera dúbida,
contactade con nós! Seguiremos informando.
Sem comentários:
Enviar um comentário