Dende que Unísono presentou o ERE, a CIG, asumindo a responsabilidade depositada polos traballadores e traballadoras nas últimas eleccións sindicais, puxémonos en marcha para tratar de frear a continua perda de postos de traballo en Vigo (en detrimento de Chile, Colombia ou Madrid), e para artellar unha alternativa fronte ao despedimento de 151 compañeiros/as indefinidos e os despedimentos en base ao artigo 17 ou fin de obra.
O Convenio Colectivo anula calquera negociación ante as baixadas de volume de traballo ou fin de obra, mentres que nos procesos de despedimentos colectivos do persoal indefinido a lexislación fai obrigatoria unha negociación entre ambas partes; ser indefinido ten máis garantías, por iso sempre insistimos nesa circunstancia.
A Reforma Laboral, e a recente ampliación da mesma por parte do Goberno, facilita enormemente ás empresas os despedimentos vía ERE. Por este motivo, a CIG convocou folgas xerais o 29 de setembro e o 27 de xaneiro. Daquelas augas veñen estes lodos.
Malia que o marco no que negociamos non é favorable, dende a CIG tomamos a iniciativa e mantivemos reunión coa propia empresa, coa Inspección de traballo, coa Xunta de Galicia e trasladamos a situación ao Parlamento Galego.
Semella que contribuímos a encarrilar a negociación, e coa mediación da Inspección de Traballo entramos na parte fundamental do proceso. Unísono di que pode conseguir novas campañas a medio prazo, pero que o persoal actual non dá o perfil. A CIG propón un ERE suspensivo rotatorio (un ERE temporal con compromiso de reincorporación), que se hai saídas, sexan voluntarias e que se cree unha Bolsa de emprego (como a que existiu no Convenio do Metal no seu día) cunha comisión a tres bandas (Inspección, empresa e sindicatos). Así mesmo, solicitamos da Xunta de Galicia que poña en marcha con Unísono cursos de adaptación do persoal para que poda adaptarse ás novas campañas que podan vir.
Durante a suspensión, o persoal cobraría o desemprego e queremos que a empresa pague a diferenza ata o salario de telemárketing.
É unha proposta que ten como obxectivo modificar o ERE para facelo o menos lesivo posible e para garantir que Unísono siga apostando por Vigo.
A negociación está en marcha, pero queda moito por facer, non é o momento de tirar a toalla nin de crear falsas esperanzas. Andamos un treito do camiño, pero este pode tornarse intransitable, o que requiriría do voso apoio e de novas mobilizacións.
Por último dicir que a CIG non asinará ningún acordo que non teña o respaldo do persoal afectado, ese é o noso compromiso.
Vigo, 18 de xullo de 2011
Sem comentários:
Enviar um comentário