
Arredor de 1.500 delegados e delegadas da CIG participaron esta mañá nunha multitudinaria asemblea para analizar as consecuencias da reforma da negociación colectiva. Antolín Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva, e Suso Seixo, secretario xeral, explicaron os pormenores da reforma e as consecuencias que esta terá para a clase traballadora galega. Ao remate, e tras das intervencións dos asistentes, saíron en manifestación polas rúas compostelás, para reclamar “Unha negociación colectiva ao servizo da clase traballadora”.
Na súa intervención, Alcántara denunciou que a reforma da negociación colectiva vén culminar o proceso de reformas emprendidas polo PSOE a demanda do capital financeiro, que “pretende transferir as rendas salariais ao capital” para incrementar os seus beneficios e seguir especulando. Unha reforma que, denunciou, é o resultado do consenso de CCOO, UGT e a patronal, porque plasma os puntos de acordo aos que chegaran antes da súa aprobación definitiva, vía decreto, polo Consello de Ministros.
O secretario confederal de negociación colectiva advertiu ademais de que, en diante, cambia practicamente todo en materia de negociación: “desaparecen os convenios provinciais, que eran os que estabelecían un mínimo de garantías, fronte os convenios de empresas, que van regular xornada, horarios, vacacións e mesmo clasificación profesional”.
Calquera convenio de empresa, segundo explicou, poderá ser inferior ao provincial ou estatal. Por iso adiantou que a CIG terá que fixarse como obxectivo “intentar paralizar ou limitar os convenio de empresa”, que teñen como único obxectivo desprotexer aínda máis aos traballadores.
A xustificación para introducir esta reforma, dixo, é incrementar a competitividade, pero pola vía de precarizar as condicións laborais e salariais, no canto de facelo pola vía de introducir melloras tecnolóxicas ou de mellorar a calidade.
En todo caso, sinalou que permite convenios galegos, “pero ten que permitilo o convenio estatal, que pode reservar materias” que só se poderán regular a ese nivel. Por iso, anunciou que a CIG intentará que se regulen uniformemente as condicións laborais en Galiza, contando con CCOO e UGT.
Convenios por subsectores
A nova regulación da negociación colectiva tamén permite promover convenios por subsectores ou grupos de empresas e mesmo que se fagan convenios atendendo ao perfil profesional. Como exemplo puxo a posibilidade de que, dentro dunha mesma empresa, os técnicos e administrativos negocien o seu propio convenio e os obreiros outro. Unha situación que “favorece a fragmentación, o corporativismo e a división dos traballadores dentro da mesma empresa” alén da “creación de sindicatos amarelos, moi beneficiosos para a patronal”.
Seccións sindicais
Outro dos aspectos ao que fixo referencia foi á posibilidade de que quen teña maioría dentro dun comité de empresa poida negociar o convenio sen contar co resto dos representantes no mesmo. “Nós sempre entendemos que se debía contar coa participación de todas as centrais sindicais”, sinalou advertindo que para evitar que sexa a CIG quen ostente esa maioría as empresas “estarán interesadas en favorecer que os delegados/as non sexan da CIG e que os comités tampouco”, para evitar o sindicalismo “combativo e de enfrontamento aos intereses empresariais que practica a nosa central sindical”.
A empresa resérvase ademais a decisión respecto de materias como o descolgue do convenio e o descolgue dos incrementos salariais estabelecidos no mesmo, co que desaparece o marco de referencia de salario mínimo.
Culminación do proceso de reformas
Pola súa banda, o secretario xeral, Suso Seixo, fixo un rápido percorrido polas reformas e recortes en dereitos e servizos sociais que se veñen introducindo desde que comezou a crise económica. Todas medidas dirixidas “contra os que non tivemos responsabilidade na crise, mentres a banca, as grandes empresas e os especuladores seguen incrementando os seus beneficios”. Como exemplo puxo a Telefónica, que obtivo uns beneficios de 10.000 millóns de euros e que vén de anunciar un ERE que supón despedir a 8.000 traballadoras e traballadores.
Cuestionou a xustificación que se está a dar para aplicar estas medidas, supostamente para conseguir máis beneficios empresariais para investir en infraestrutura produtiva e crear emprego, cando en realidade “van ir para os mercados financeiros”.
Ante esta situación, o secretario xeral da CIG lembrou que hai dúas vías: ou asumir que isto é o único que se pode facer, tal e como defenden desde o poder, desde institucións como o Banco de España, o BCE, o FMI, ou a UE e desde os grandes medios de comunicación; ou crer, como defende a CIG, que é posíbel aplicar outras políticas alternativas, porque este non é o modelo da clase traballadora, sendo conscientes do difícil contexto no que nos atopamos. “Temos que loitar por outro modelo que garanta un reparto equitativo da riqueza e máis democrático”, dixo.
Alertou ademais de que, malia a dureza das reformas aprobadas até o de agora, iso “non lles chega”. Por iso, “defenden unha política fiscal inxusta, propoñen incrementar os impostos indirectos e a redución dos impostos directos, aproveitándose da situación de debilidade dos traballadores/as para quitarnos dereitos”.
Fronte a isto defendeu o incremento do investimento produtivo público; os investimentos de carácter social; a creación de empresas públicas en sectores estratéxicos, como a enerxía e as telecomunicacións; a creación dunha banca pública, “que non especule co aforro dos cidadáns e que canalice os recursos ás empresas e ás familias”, como vía para reactivar un consumo responsábel e o emprego.
O papel da CIG
Para vencer esta situación, fixo un claro chamamento aos delegados e delegadas asistentes, para reactivar o papel da CIG nas empresas que “farán unha presión enorme para que se asinen convenios de empresa” e subliñou que os traballadores deben saber que para enfrontarse a esta situación “non serve calquera central sindical”, reclamando o papel que a CIG vén desenvolvendo, como único sindicato que realmente loita por preservar e defender os dereitos dos traballadores.
Do mesmo xeito, salientou a necesidade de buscar aliados ante esta difícil situación, “dentro e fóra das nosas fronteiras”. Nese sentido, lembrou a folga xeral convocada en Euskadi e Galiza o 27 de xaneiro polas centrais sindicais nacionalistas e a mobilización do 5 de abril en Madrid. Mobilizacións coas que se demostrou, dixo, “que hai organizacións sindicais que temos presenza, capacidade de mobilización e que estamos dispostas a chegar até as últimas consecuencias para defender os intereses da clase traballadora”.
Responsabilizou da actual situación na que se atopa a clase traballadora tanto ao PSOE como ao PP e a outras organizacións da dereita, por ser quen posibilitaron a aplicación de todas estas reformas e fixo especial mención ao papel de Núñez Feijoo á fronte da Xunta de Galiza, pola súa inacción e porque desde que chegou o PP ao goberno de Galiza, hai dous anos, perdéronse 100.000 postos de traballo.
Tampouco esqueceu ao 40% de desempregados/as que xa non teñen ningún ingreso porque esgotaron as súas prestacións e ao cada vez maior número de familias que teñen a todos os seus membros no paro. Neste sentido, fixo un chamamento á solidariedade e a sumarse ás mobilizacións que comezarán o 29 de xuño, coa Marcha galega polo emprego. Mobilizacións que rematarán o 3 de xullo, cunha manifestación nacional en Santiago de Compostela.
Sem comentários:
Enviar um comentário