9.10.09

Incumprimento do Convenio no cambio de campaña de Vodafone HD Residencial

O mércores da semana pasada a CIG mantivo unha reunión co Xefe de Inspección de Traballo en Pontevedra, en relación a nosa denuncia polo incumprimento do artigo 18 do Convenio por parte de Unísono e Bosch no cambio de empresa da campaña de Vodafone HD Residencial.

O xoves comezaron as accións inspectoras e o venres Unísono facilitou os primeiros datos. A data do venres, das 164 persoas que traballaban na campaña HD Residencial en Bosch, 30 foron recolocadas por esa empresa e só 41 estaban contratadas por Unísono das 90 que se presentaron ao proceso de selección. Outro grupo estaba pendente de contratación por Unísono, ofertando só xornada de fin de semana.

Ampliamos a denuncia anterior, xa que Unísono tiña a obriga de contratar ao 90% do persoal, pero ademais as persoas contratadas viron vulnerados os seus dereitos: á maioría delas reducíronlle horas de contrato; non lle respectaron a categoría de teleoperador/a especialista e o contrato ten un período de proba de un mes durante o cal poderán ser despedidas, en contra do establecido no convenio.

Unísono alegou que non tiña horas suficientes para ofertar a mesma xornada que tiñan en Bosch, pero é falso: o 14 de setembro detectamos en “Infojobs” unha oferta de 60 postos con 30 horas de xornada para esta campaña, feito que tamén comunicamos á Inspección.

Algunhas persoas terían rexeitado a oferta de Unísono, xa que a reducción das horas de contratos e da categoría podería afectar incluso ao paro que percibirian se Unísono as despedise no período de proba (algo habitual).

Esixir o mantemento dos postos de traballo para estes compañeiros/as e o respecto as súas condicións laborais, é defender os postos de traballo de todos e cada un de nós. Se hoxe permitimos que as empresas incumpran o Convenio, sentariamos un mal precedente.

Agardamos que Unísono Soluciones cumpra o Convenio, a CIG en Bosch xa ten anunciado a convocatoria de folga; se Unísono non garante os postos de traballo e as condicións laborais, tamén terá un conflito laboral.

Vigo, 21 de setembro de 2009

Sem comentários: