6.5.09

Conseguímolo, o persoal do SIF ten a categoría de xestor/a

Como xa informamos Hai un mes, despois das demandas presentadas pola CIG reclamando a categoría de xestor/a para o persoal do SIF, a empresa convocou unha reunión co fin de abrir un proceso de negociación.

A empresa puxo por riba da mesa unha oferta para reclasificar ao persoal, sen recoñecer atrasos e pretendendo que calquera demanda individual racharía o acordo. Como resposta, o Comité decidiu dar por rotas as negociacións, nÓs non.

Dende a Sección Sindical da CIG indicámoslle á empresa a nosa disposición a abrir un proceso de negociación, salvagardando o dereito Á tutela xudicial establecido incluso na Constitución. É dicir, se alguén quixera facer valer o seu dereito a ir a xuízo para cobrar atrasos ninguén podía impedirllo.

Posteriormente dende a CIG elaboramos unha proposta argumentada sindical e legalmente, tendo en conta que as demandas xudiciais presentadas non estaban gañadas de antemán. Unha proposta que foi aceptada pola empresa agás no referido ao pago dos atrasos, aceptando a reclasificación con efectos inmediatos.

Ante esta situación convocamos unha asemblea co persoal afectado, explicando o acordo e indicándolle que se trataba sempre dun acordo individual e voluntario.

As persoas que quixeron teñen a categoría de xestor/a dende o 1 de maio, renunciando aos seus atrasos. Pero salvagardouse o dereito a presentar demandas xudiciais por parte das persoas que non queiran cedelos.

Levamos máis dun ano loitando polo dereito do persoal ao ascenso; presentamos 5 demandas xudiciais; convocamos numerosas asembleas ao longo do proceso e chegamos a convocar unha folga que finalmente foi desconvocada por desexo do persoal do SIF.

Para a CIG as demandas e mobilizacións non son un fin en si mesmo, teñen como obxectivo forzar ás empresas para que negocien, polo que tamén traballamos na elaboración de propostas concretas. Así, fomos quen de posibilitar un acordo de recoñecemento de categoría, salvagardando o dereito das persoas que queiran reclamar os atrasos.

Que cada quen xulgue o traballo sindical da CIG, o persoal afectado xa o fixo e por iso a maioría xa ten a categoría de xestor/a dende o 1 de maio.

Sem comentários: