21.8.08

Despedimentos de 45 fixos nunha Campaña fraudulenta de Orange

O día 19 de agosto a dirección de Unísono en Vigo comezou a despedir de xeito fulminante ao persoal da “Campaña de Orange desbordamento”, unha campaña inexistente que encubre un fraude na contratación. Os despedimentos afectan a 45 persoas.

A empresa nas cartas de despedimento ao persoal incumpriu os días de preaviso establecidos por lei, días que debería abonar na correspondente liquidación, toda vez que nos contratos do persoal non consta que a duración estimada fose inferior a un ano.

Para a CIG os 45 despedidos eran fixos, xa que había un fraude evidente nos seus contratos.

Todos sabemos que inicialmente a apertura de Unísono-Chile estivo plagada de problemas, polo que as chamadas da campaña de Orange retornaron a Vigo.

Ante a suba do volume de chamadas a empresa fixo contratacións eventuais, é preciso aclarar que os contratos por acumulación de tarefas non poden superar os 4 meses no prazo dun ano.

Posteriormente transformou os contratos eventuais en contratos por Obra para unha campaña denominada “Desbordamento Orange” (desbordamento é igual que acumulación de tarefas), un auténtico fraude.

Ante esta situación recomendamos ao persoal non asinar o finiquito, inexplicablemente un delegado doutro sindicato despois de consultar a Madrid (como sempre) díxolles que asinaran a liquidación. Perderon así o dereito a reclamar os días de preaviso e a indemnización dos 45 días por ano traballado do despido.

Esta é a nosa opinión sobre estes 45 despedimentos e así o temos denunciado ante a Inspección de Traballo. Quedan varias persoas que non asinaron e xa estamos en comunicación con elas para presentar as correspondentes demandas si a empresa non se senta a negociar.

Sem comentários: