Quarta-feira, 1 de Julho de 2009

Proposta conversión en indefnidos

Onte presentamoslle a RRHH-Vigo unha proposta de transformación de contratos en indefinidos co fin de tratar de chegar a un acordo incrementando o número de persoas con contrato estable na nosa Plataforma.

Agardamos contestación por parte da Empresa, da que vos daremos cumprida información.

Sexta-feira, 12 de Junho de 2009

Balance Sindical nº 20

Xa está na rúa o voceiro da Federación, un novo número da edición en papel do "Balance Sindical", podes consultaro en internet a través do seguinte enlace.

Quinta-feira, 11 de Junho de 2009

Sobre o "conflito" de ccoo

O pasado 9 de xuño, CCOO informou nunha circular da presentación dun suposto conflito colectivo reclamando a categoría de xestor, sen especificar para que campañas.

A posibilidade de presentar un conflito colectivo foi avaliada pola CIG, pero optamos pola presentación das demandas individuais e así conseguimos a categoría de xestor/a para o persoal do SIF. As demandas individuais son inmediatas e non teñen recurso.

En primeiro lugar, o conflito colectivo ante a Audiencia Provincial podería ter recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, posteriormente ante a Audiencia Nacional, posteriormente ante o Tribunal Supremo e podería chegar no peor dos extremos incluso ao Tribunal Constitucional. Quere dicir que a sentenza deste conflito colectivo pode tardar ata 5-6 anos en ser firme. Todos e todas sabedes que a vida laboral en Unísono é moito máis corta do que pode tardar unha sentenza firme.

En segundo, e o máis grave, é que hai demandas individuais en marcha, demandas que poden quedar paralizadas pola presentación do conflito colectivo. Co seu conflito unilateral prexudican a compañeiros e compañeiras que presentaron a súa reclamación.

Por último hai tamén un problema de forma: a Lei esixe que un conflito colectivo se presente contra a empresa, pero citando como parte a todos os sindicatos con presenza na mesma. Se hai un conflito colectivo, habería un claro defecto de forma, xa que non fomos citados o resto dos sindicatos, o que pode facer que o conflito non prospere.

Co ánimo de apuntarse non sei qué tanto, CCOO acaba de adiar a solución máis alá do razoable, acabou favorecendo á empresa, ou simplemente é o que pretendían.

Unísono deberá abonar o 2,25% deste ano


A Audiencia Nacional fallou a favor do persoal no conflito colectivo interposto por toda a representación sindical contra a decisión da patronal de telemárketing de non abonar a suba salarial establecida en Convenio para este ano.


Segunda-feira, 8 de Junho de 2009

Compensacións gastos desprazamentos pola Mutua

A Orde TIN/971/2009 do Ministerio de Traballo e Inmigración, de 16 de abril, establece o dereito á compensación dos gastos de transporte en casos de asistencia sanitaria derivada de riscos profesionais e das comparecencias para a realización de exames ou valoracións médicas nas Mutuas (nos procesos derivados tanto de continxencias comúns como profesionais).

Era habitual que as Mutuas chamaran ao persoal en situación de baixa médica para facer avaliacións propias, estando regulado por Lei a obrigatoriedade para o traballador ou traballadora da asistencia a estes recoñecementos. Pero tamén era habitual que estas entidades se negasen a compensar os gastos de desprazamentos cando o persoal utilizaba medios de transporte ordinarios (coche propio, taxis, etc).

Agora a Orde Ministerial reafirma o dereito das persoas a ser resarcidas nos gastos producidos por estas comparecencias, sen dúbida un recoñecemento xusto, malia que o problema real é a existencia das propias Mutuas.

Cabe lembrar que a CIG ten realizado numerosas mobilizacións ante as Mutuas contra a persecución que exercen sobre os traballadores e traballadoras de baixa.

Neste senso un recente informe remitido polo Tribunal de Contas ao Congreso dos Deputados denunciaba os excesivos salarios do persoal directivo das Mutuas (con cargo aos fondos públicos), así como pagos indebidos e numerosas irregularidades. Segundo o informe, nas 8 Mutuas analizadas hai 237 directivos cuns salarios que superaban ao dos altos cargos do goberno.

O informe destapou que as Mutuas empregan fondos públicos para pagos a asociacións empresariais co fin de captar empresas asociadas. Tamén algunhas das ofertas realizadas para captar ás empresas terían un custe non asumible pola Seguridade Social.

Pero o informe do Tribunal de Contas vai máis alá, xa que detectou irregularidades laborais, incluso cesión ilegal de persoal por parte das Mutuas, práctica prohibida pola lexislación laboral agás a excepción das Empresas de Traballo Temporal.

Manifestación solidariedade co Metal

O martes 9 de xuño ás oito da tarde terá lugar unha manifestación na cidade de Vigo, convocada por CIG, CCOO e UGT, en solidariedade coa loita do Metal e en apoio aos milleiros de traballadores que despois de seis xornadas de folga continuarán nesta semana cunha nova convocatoria de folga, que desde o mércores será indefinida e que o venres esta folga terá carácter xeral polo que están chamadas todas as empresas do sector, mesmo aquelas que teñen convenio propio. A continuación reproducimos un folleto que vai ser repartido á cidadanía, chamando á convocatoria desta manifestación, que sairá ás oito da tarde do cruce de Gran Vía con Urzáiz e que rematará na Praza da Estrela.

Os traballadores e traballadoras do Metal a toda a cidadanía

Queremos transmitirvos a nosa verdade por medio deste escrito xa que os acontecementos diarios son constantemente deformados interesadamente por algúns medios de comunicación, que tamén son empresas.

Antes de nada pedir desculpas polos trastornos que causamos nas nosas manifestacións, e sobre todo cando son disoltas de xeito brutal pola policía recaendo tamén nos cidadáns os golpes e pelotazos. Incluso os danos materiais nos negocios que por darnos acollida aos manifestantes, as súas cristaleiras son abatidas a queimarroupa en diferentes lugares da cidade.

Os 23.000 traballadores do Sector do Metal na Provincia, soldadores, mecánicos, chapistas, caldereiros, electricistas, torneiros, fresadores, pintores, fontaneiros, etc, somos os pais dos mozos e mozas que andan polas rúas da cidade, somos os irmáns, primos, fillos e fillas, os amigos e amigas que coñecedes, os amigos dos vosos fillos e das vosas fillas, somos como a inmensa maioría, traballadores que cobramos sobre mil euros en oito horas, e como non chega para pagar os gastos da casa e todo o demais, moitos de nós traballa once horas ao día, e por esta razón, cando chegamos aos cincuenta anos temos diferentes lesións incurábeis.

Todos os anos vemos falecer algún compañeiro en accidente laboral, mentres os nosos Patróns non renuncian aos seus chalets con piscinas nin aos seus barcos nin as grandes comidas nos mellores restaurantes. Eles nunca acaban pobres. Moitos empresarios non cumpren a Lei que é o noso Convenio, e traen traballadores de fora pagándolles a metade do salario, porque nós debemos resultarlles caro. Esta é a verdade do Metal.

Pedimos 0,50€ de incremento por hora traballada, pero eles xa subiron mais de 3 € na mesma hora aos seus clientes. Falan de crise e aproveitan para despedir de maneira barata, mentres reciben millóns de axuda pública do diñeiro que nos pagamos como impostos. Din que xa perderon 70 Millóns de € con esta Folga, pois con este diñeiro pagarían 6 anos do incremento salarial que pedimos. Din que resultamos caros con esta crise, pero os nosos salarios son moito mais baixos e temos mais contratos precarios que en Cataluña, Madrid, Francia, Alemania, Bélxica, ou acaso nestes lugares non lles afecta a crise?

Pensa en quen son os Agresores e quen os Agredidos. O noso Convenio axuda a mellorar o resto dos Convenios, por esta razón toda a Patronal quere vencernos, someternos e voltar a ter ao 70% de traballadores eventuais, despedir libremente, contratar ETTs, non pagar as horas extras obrigadas, non dar os días de descanso, e quedarse cunha parte maior dos nosos salarios. A nosa loita é por dignidade e ti sabes do que falamos.

Quarta-feira, 6 de Maio de 2009

Conseguímolo, o persoal do SIF ten a categoría de xestor/a

Como xa informamos Hai un mes, despois das demandas presentadas pola CIG reclamando a categoría de xestor/a para o persoal do SIF, a empresa convocou unha reunión co fin de abrir un proceso de negociación.

A empresa puxo por riba da mesa unha oferta para reclasificar ao persoal, sen recoñecer atrasos e pretendendo que calquera demanda individual racharía o acordo. Como resposta, o Comité decidiu dar por rotas as negociacións, nÓs non.

Dende a Sección Sindical da CIG indicámoslle á empresa a nosa disposición a abrir un proceso de negociación, salvagardando o dereito Á tutela xudicial establecido incluso na Constitución. É dicir, se alguén quixera facer valer o seu dereito a ir a xuízo para cobrar atrasos ninguén podía impedirllo.

Posteriormente dende a CIG elaboramos unha proposta argumentada sindical e legalmente, tendo en conta que as demandas xudiciais presentadas non estaban gañadas de antemán. Unha proposta que foi aceptada pola empresa agás no referido ao pago dos atrasos, aceptando a reclasificación con efectos inmediatos.

Ante esta situación convocamos unha asemblea co persoal afectado, explicando o acordo e indicándolle que se trataba sempre dun acordo individual e voluntario.

As persoas que quixeron teñen a categoría de xestor/a dende o 1 de maio, renunciando aos seus atrasos. Pero salvagardouse o dereito a presentar demandas xudiciais por parte das persoas que non queiran cedelos.

Levamos máis dun ano loitando polo dereito do persoal ao ascenso; presentamos 5 demandas xudiciais; convocamos numerosas asembleas ao longo do proceso e chegamos a convocar unha folga que finalmente foi desconvocada por desexo do persoal do SIF.

Para a CIG as demandas e mobilizacións non son un fin en si mesmo, teñen como obxectivo forzar ás empresas para que negocien, polo que tamén traballamos na elaboración de propostas concretas. Así, fomos quen de posibilitar un acordo de recoñecemento de categoría, salvagardando o dereito das persoas que queiran reclamar os atrasos.

Que cada quen xulgue o traballo sindical da CIG, o persoal afectado xa o fixo e por iso a maioría xa ten a categoría de xestor/a dende o 1 de maio.