Pasamos a resumirvos os puntos tratados na Comisión de Seguemento de ERE, celebrada o 20/09/2013.
1. Novas contratacións
Primeiramente a empresa fai un resumo da situación actual: contrátanse eventuais para GOLTV, contratacións que unicamente cubren picos (prevén que mediados finais de outubro haberá outro pico, provocado polo partido do Madrid-Barça). Estas contratacións, segundo indica a empresa teñen duracións de dúas ou tres semanas e só son en horario de fin de semana.
Con respecto a ING indícannos que hai unha formación actualmente de aproximadamente 15 persoas. Non prevén que se incorporen todas, unicamente entrarán aquelas persoas necesarias para cubrir os ocos que se xeneren da formación anterior (do 28 de setembro) por non superar o período de proba.
Con respecto a Gas Natural, teñen tres formacións en curso, 30 horas semanais e de tarde. Non nos aseguran o número de persoas que precisan.
Ante a explicación da empresa a CIG infórmaos que non só vulneran o pacto acordado do ERE, se non tamén o Estatuto dos Traballadores: a empresa ten a obriga de informarnos trimestralmente sobre a previsión de traballo. Fixemos fincapé en que non pode volver acontecer que existan contratacións nas que a RLT non tome partido, porque a día de hoxe non está garantida a estabilidade do persoal do ERE que traballa en GOLTV e ese persoal ten prioridade fronte a calquera contratación externa. Chegamos ó pacto que cando existan novas contratacións ou novas campañas nos informarían. Por suposto, vós seredes os primeiros/as en sabelo.
Tamén fixemos moito fincapé na promoción interna: no caso de que existan vacantes en campañas máis estables (como é o caso de Gas Natural), a empresa, antes de contratar persoal externo, ten que ofertar esas vacantes primeiramente ó persoal que está nunha situación máis inestable (GOLTV, ERE). Tras rematar o debate dos perfís, acordamos que todo/a aquel/a que teña experiencia en venda pode entregar o curriculum ante Recursos Humanos para que eles valoren a posibilidade do cambio (nós velaremos porque esa decisión se tome de xeito obxectivo). Reiteraron que se tratan de postos de 30 horas semanais de tarde e non abren a man para ampliar esa xornada, nin tampouco para que se poida complementar con outra campaña (tal e como se fixo en ING), a pesar da insistencia da sección da CIG (pouca xente ten ese horario, o que imposibilitará en moitos casos o cambio, porque suporá unha perda de poder adquisitivo). En calquera caso, se desexades o cambio, en principio ese sería o horario que teriades que aceptar.
2. Situación de Campañas
Posto que estamos moi preocupados pola estabilidade das compañeiras/os do ERE que estades en Goltelevisión, e como vemos ademais que en Madrid se ofertan máis de 100 postos estables (infojobs), comezamos informando a empresa que, tal e como consta en acta da comisión de seguemento, a empresa se comprometeu en pasarnos por escrito a información referente a novas campañas. A empresa insiste en que esa información facilitada foi un erro. Quedamos pendentes de revisar todas as actas e, en caso contrario, teremos que pedir a mediación de Inspección de novo (non pode ser que onde dixen digo digan diego).
Ademais, aseguran que as ofertas de infojobs non atenden a ningunha previsión especial, se non que precisan continuamente bolsas de traballadores por se nalgún momento precisan persoal (non sabemos que fan con esas bolsas que deben estar a piques de estoupar). Minten abertamente, porque na descripción da oferta para Vigo pon claramente ar que é para unha campaña de telefonía e son postos estables (cando lles esgotamos os argumentos utilizaron o as que sempre gardan na manga: confidencialidade).
Aseguran, pois, que a nivel de Unísono Vigo non teñen ningunha campaña nova pechada, nin hai nada a curto prazo. Adquiren, como dixemos máis arriba, o compromiso de informarnos tan pronto teñan algo estable. Con respecto ó resto do Estado indícannos que en Agosto houbo incremento en Reparalia, 25 persoas, Sanitas, 7 persoas e Porsche, 1 persoa (todas en Madrid), ademais de contratación en clientes locais de Colombia.
3. Documentación pendente
Pásannos por fin un listado con solicitudes de cambio de quenda, etc. Pero, ademais de estar incompleto, falta o fundamental nesa documentación: as preferencias horarias. Isto é moi importante para valorar que todos os movementos que se fan dentro de Unísono son legais, atendendo ás prioridades pactadas (cargas familiares, outros traballos, estariosudos, varios). Tras un intenso debate, comprométense a darnos unha resposta na próxima reunión. En caso contrario, verémonos obrigadas, de novo, a botar man de Inspección de Traballo.
4. Bolsa de emprego
Tras falar coa maioría do persoal pertencente á bolsa de emprego, detectamos incongruencias en canto a que a información que nos facilita a empresa non é a que nos facilitan os/as traballadores/as. Nomeadamente hai especial problema con dúas persoas que foron excluídas desa bolsa de emprego, sen que a elas llo notificaran. O motivo de rexeitaren o posto de traballo que Unísono lle ofertou foi por incompatibilidade horaria (a pesar de ofrecer o mesmo turno, a banda horaria era diferente). Solicitámoslle á empresa que cambiaran o status desas persoas pero a empresa non dá o seu brazo a torcer. Por ese motivo, en canto o Inspector volva estar dispoñible, volveremos falar con el, porque non chegamos a acordo.
Seguiremos informando.
Sem comentários:
Enviar um comentário