O pasado día 24 a empresa preséntanos un Expediente de Regulación de Emprego, abríndose así, o prazo legal para a negociación que durará ata o 24 de xullo. O 29 mércores, a CIG e o resto de seccións, mantivemos a primeira reunión informativa coa empresa.
Nesta primeira xuntanza UNÍSONO explicou a suposta situación que din que atravesa o centro de Vigo, e moi en termos xerais, o resto de centros do Estado. A motivación do ERE sería organizativa, non económica. Parece ser que en novembro de 2010 tería comezado un período de baixa contratación de clientes, de finalización de campañas e dun cambio de orientación no perfil que buscan nos traballadores e traballadoras do noso centro. O feito de que finalizasen campañas como IBERDROLA, COMUNITEL ou VODAFONE fixeron que houbese un excedente importante de indefinidos con difícil recolocación, ó que se suma a próxima finalización de ORANGE VOZ E DATOS e de VODAFONE PORTABILIDADE. Ademais do excedente de personal xerado por conta e risco da empresa e da evidente falta de plans formativos dentro do que eles chaman “perfil comercial”, aseguran que a capacidade que buscan nestes momentos non é a que nós temos, xa que seica estamos moi acostumados á recepción de chamadas e no presente precisan persoas que teñan “o xen” do comercial (sic). Aseguran que esta situación tamén se está a vivir no resto de centros do Estado e negan cunha rotundidade moi ben planificada a deslocalización do traballo ás súas sucursais latinoamericanas.
Na documentación que nos entrega a empresa, e que na xuntanza aclaramos, xógase cunha serie de baremos que, en principio, lle vai servir á empresa para escoller ás persoas que van entrar na lista de 151 despedidos, a saber: perfil comercial demostrado, calidade, maiores de 55 anos, cargas familiares* e antigüidade (por esa orde). Engaden que os dous primeiros criterios se van aplicar nos últimos 12 meses para que, incluso a xente que estivese de baixa teña opción ó posto de traballo. No caso de que houbese xente que estivese de baixa máis tempo, non sabemos que pretensións teñen.
Legalmente o ERE implica despedimentos con 20 días por ano e cun máximo de 12 mensualidades.
Desde a CIG mantémonos moi escépticos cos datos facilitados pola empresa e é por iso que solicitamos maior documentación para poder contrastar esta situación. Ademais estamos nunha posición moi crítica ante a postura de UNÍSONO debido a que consideramos que as medidas que adoptan son totalmente abusivas, sabemos que están xeradas por propia vontade e que responden a unha clara intención pola súa parte de desmantelamento dos nosos postos de traballo.
Hoxe, máis que nunca, temos que estar unidos, loitar polos nosos dereitos e berrar ben forte e ben claro que estamos totalmente en contra destas prácticas empresariais que só atenden a centralizar o traballo en Madrid, incrementar beneficios, e precarizar o noso sector, sobre todo tendo en conta os enormes beneficios que xerou a empresa nos últimos tempos, dos que fachendean na súa páxina web. Mentres continuamos na fase de contraste de información non desbotamos ningún escenario mobilizador, no caso de que non se atendan as nosas demandas.
----
* lembrade confirmar coa empresa a vosa situación en canto as cargas familiares: modelo 145.
Sem comentários:
Enviar um comentário